Cabeceira2

 

 

 

Contar unha historia

A escola como xeradora de coñecemento, que toma da contorna elementos para a construción da aprendizaxe, ten na tradición oral unha gran fonte de coñecemento, historia e goce

Constitúe, ademais, unha oportunidade única para ser punto de partida de actividades e experiencias de expresión. Móstrase así como un espazo idóneo na tarefa de desenvolver sistemática e naturalmente a lingua falada, consciente e responsable de que, sendo esta a primeira que utiliza o individuo na configuración do seu pensamento, na organización do seu saber e na súa imaxinación, é preciso desenvolver unha didáctica específica da expresión oral.

Ler máis

A escola, que traballa coa linguaxe como medio de comunicación social pero tamén instrumento privilexiado para ordenar a información e o pensamento, debe favorecer o proceso, enriquecer a competencia do alumnado na produción, escoita e creación lingüística, consciente de que o dominio da lingua oral constitúe unha necesidade, ademais, para acceder á aprendizaxe do resto das materias do currículo. Paralelamente, este desenvolvemento de competencias comunicativas, responderá á necesidade lúdica, tamén no campo lingüístico, dos nenos e nenas, aproveitando a súa capacidade globalizadora, creativa e fantástica para a inmersión no mundo literario, para proporcionarlles canles e solucións ás súas necesidades proxectivas e catárticas, para a liberación de tensións e problemas con unha das realidades máis enraizadas nel@s e no seu medio como é a lingua.

A maxia dos contos orais, tomados da tradición popular ou creados para a ocasión, o goce coa escoita, o pracer da creación de historias, promovendo a máxima implicación persoal con textos vivos, suxestivos e creativos deben estar presentes no quefacer diario das aulas tamén como fonte de coñecemento e integración no medio cultural e social e traballo nas competencias socioemocionais d@s nos@s alumn@s. Dúas maneiras de intercambio e oportunidade para o desenvolvemento de capacidades. Dúas maneiras de gozar a través da palabra. Contar e escoitar historias.

Obxectivos
1. Contribuír á xeración de espazos que faciliten gozar das narracións orais.
2. Recuperar e recrear formas tradicionais da narración oral.
3. Ofrecer un espazo para o intercambio de relatos relacionados co Camiño de Santiago.
4. Favorecer a vertebración e dinamización social e cultural do concello de O Pino.
5. Estimular o desenvolvemento doutros eventos no concello arredor da narración oral.
6. Facilitar a reflexión teórica e práctica na arte de crear e contar historias.
7. Coñecer, recuperar e recrear formas tradicionais da narración oral.
8. Desenvolver recursos para a aprendizaxe creativa da lingua oral.
9. Favorecer o deseño de ambientes e propostas estimuladoras a partir do coñecemento de recursos motivadores que animen e predispoñan á expresión espontánea e creativa do alumnado.
10. Contribuír á xeración de espazos e tempos na escola que faciliten gozar da escoita e creación de narracións orais.

APÚNTATE

ESCRÍBENOS