Cabeceira1

 

 

 

 

Contar unha historia

Contar unha historia. Escoitar unha historia. Velaquí dúas maneiras de gozar a través da palabra.

A narración oral é sempre un acto no que se mesturan pracer e xenerosidade. Porque, para que xurda a emoción, quen conta debe poñer a súa arte e sabedoría ao servizo do auditorio, e quen escoita deberá entregarse sen reservas.

Se así sucede, todos, todas, narradores e oíntes, acadarán igual sentimento de gozo mentres a narración discorre.

E cal é a natureza profunda dese pracer?


Ler máis

Quen sabe, tal vez resida na intuición de que se está a asistir a un momento irrepetible: por máis que a historia volva ser contada xa non será a mesma, como o río aquel.

En realidade, pouco importan agora as razóns profundas. Do que se trata é de convocar a contadores e escoitadores, contadoras e escoitadoras, para convidalos, para convidalas, a ofrecérense mutua e xenerosamente na II Festa de Narración Oral de Galiza. Ofrecerse e gozar.

O concello de O Pino, sede da Festa, é un dos mellores marcos posibles para esta celebración anual da palabra. Recentemente inaugurado, o Centro Sociocultural Luís Seoane resulta un lugar idóneo para albergar boa parte das actividades que conforman o programa. Doutra banda, O Pino é un enclave de extraordinaria importancia dentro do Camiño de Santiago, e a relación entre estas dúas tradicións, Camiño e narración oral, é algo máis que evidente. Ademais, como outros concellos en expansión, O Pino precisa de eventos integradores, de espazos culturais que faciliten a vertebración harmónica dunha poboación cada vez máis diversa. E este evento vai nesa dirección.

Cóntasnos un sucedido?

O vindeiro 5 de xullo esperámoste en Arca - O Pino (A Coruña), na II Festa da Narración Oral.

Vai ser unha noite longa pero divertida. Apúntate agora se non queres arriscarte a quedar sen sitio. E se en lugar dun sucedido prefires outra fórmula de relato, terás tamén ocasión de narralo diante dun auditorio ben numeroso.

APÚNTATE  

ESCRÍBENOS